Máis que unha biografía de perfil canónico, "As artes da vida de Anxel Huete" quere ser un retrato dinámico, acaso unha sucesión de retratos fiados en fita narrativa e organizada en secuencias temáticas: estudos, viaxes, experiencia política, activismo cultural, amor e amizade, labor pedagóxico, traballo creativo.O discurso textual foi trazado con instrumentos de perspectiva múltiple: a voz do narrador implicado, integrado en grande medida no ámbito que ocupa o protagonista;a do personaxe retratado, Anxel en primeira persoa e declaración directa ou recollida de diversas publicacións;a das citas extraídas de catálogos e libros e da súa tese doctoral inédita;e, finalmente, a voz coral dun feixe de amigos e amigas dos que solicitei un testemuño, unha semblanza.Ademais de ir trazando un percorrido ao longo da historia do oficio de artista de Anxel Huete, estas páxinas pretenden ofrecer a imaxe das súas artes de vivir, cultivadas con intensa vontade de construción persoal e de colaboración en labores de edificación colectiva. O narrador, situado nun espazo de proximidade ao habitat vivencial, creativo e intelectual do protagonista, configúrase maiormente como figura de amizade. Este libro pretende achegar a imaxe biográfica do home e do artista, pero tamén a dos afectos que me ligan a el. Mais no substrato da súa intención non latexa o pulo da vontade encomiástica, laudatoria ou axiolóxica, senón só a manifestación natural da simpatía e atracción que a vida e a obra de Huete me producen.
Nota: Paperestan no se hace responsable de ningún error tipográfico en las especificaciones ofrecidas por el fabricante.